
Bandeira e a súa Festa da Empanada.
Chegamos a Bandeira o venres pola tarde-noite. Xa se respiraba ambiente de festa.
A necesidade de hidratar a gorxa levounos a parar na de Vitorino, aínda que sabíamos por anticipado que íamos parar alí moitas máis veces ó longo do fin de semana. Xa alí atopamos algunhas caras amigas que tamén sentiron a misma falta de hidratación.
Dirixímonos ata a casa de Rosario e Toño. O adxectivo de "casa" quédaselle escaso. Aquela é toda unha mestura de casa de turismo rural e museo etnográfico, que dende a primeira estancia te envolve nunha aura de benestar e paz interior da cal un non quere sair.
Facendo gala da hospitalidade que a caracteriza, alí nos esperaba ela con uns pinchos e uns viños, a mellor das sonrisas e cos brazos abertos. Tras unha cea distendida fomos indo cara a Esmorga Folk.
Logo duns pequenos "incidentes" coa luz, a serie de concertos previstos levouse a cabo. Fartámonos de beber, de rir e de bailar. Tanto que a nosa compañeira Sofía resultou ferida no intento. Un esguince de nocelo puxo o punto final a unha noite chea de ritmos.
O sábado estaba adicado ó carro. Despóis do almorzo comunitario, a sesión vermú - banda e o xantar tamén comunitario, fomos a polo carro. Mozos fornidos e arroutados tiraron por el nun percorrido que non deixou indiferente a veciños nin viandantes. Parada tras parada, íase enchendo das viandas que degustaríamos só unhas horas máis tarde, cando xa non quedase ningún bar por visitar. Non faltou a música, nin os cánticos nin as risas, e moito menos quen tirase polo carro. Nós ata nos atrevemos con el, pero temos que recoñecer que as nosas ansias superaban con moita diferencia ás nosas forzas...
Seguimos bebendo, cantando e bailando.
Un fin de semana inmellorable. Boa música, boa comida, boa bebida e a mellor das compañías. Que máis se pode pedir?
Un millón de gracias e abrazos a Rosario, a Toño e a Carme por abrirnos as portas da súa mansión e por acollernos con ese agarimo.
Se nada o impide, para o próximo ano voltaremos á festa da Empanada.
Para que? Para seguir bebendo, cantando e bailando.